O piñeiro de Galicia benefíciase do aumento da demanda mundial de madeira, cunha suba de prezos e de operadores interesados na súa transformación

As coníferas galegas encarecéronse arredor de 5 euros / tonelada na primeira metade do 2021, con perspectivas de que continúen as subas de prezo no segundo semestre do ano.

Propietarios forestais e industria da madeira están ante a oportunidade de consolidar unha mellora estrutural para o piñeiro, máis alá da situación coxuntural favorable.

 

Pino de Galicia
Pino de Galicia

A demanda de madeira de coníferas é nos últimos meses moi superior á oferta, o que disparou os prezos no mercado mundial. Chegouse ó punto de que produtos transformados (tablas, vigas laminadas) de madeiras como o abeto (Picea abies) ou o ‘pino rojo’ (piñeiro silvestre), procedentes de Centroeuropa e Escandinavia, duplicaron o seu prezo no mercado internacional desde finais do ano pasado. É un escenario que está a repercutir tamén de xeito positivo no piñeiro galego destinado a serra, pois no primeiro semestre do ano o seu prezo subiu en monte arredor de 5 euros / tonelada, con perspectivas de que o seu encarecemento continúe no segundo semestre do ano.

A cuestión de fondo é que non hai suficiente oferta mundial de coníferas para abastecer á demanda actual. Ese desabastecemento vén motivado por diversos factores, como o aumento das compras de madeira por parte de China, o tirón da construción en Estados Unidos ou o aumento de gastos en equipamentos para o fogar en Europa a raíz da Covid, entre outros factores. 

Os aumentos da demanda están a provocar fortes tensións no  mercado que teñen a súa repercusión en Galicia. En primeiro lugar porque as industrias galegas de primeira transformación da madeira están a recibir maior demanda para os seus produtos. En segundo lugar, porque as industrias da madeira do resto de España, de Portugal e doutros países procuran o piñeiro galego como un produto refuxio, ante a escalada de prezos das tradicionais madeiras de importación.

A demanda de piñeiro de Galicia permitiu consolidar aumentos de prezo en toda a cadea de valor da madeira, desde o propietario forestal ata a industria, que a súa vez repercute no mercado final ese encarecemento.

Máis alá da situación coxuntural de altos prezos e demanda para o piñeiro de Galicia, a cadea da madeira está ante a oportunidade de consolidar melloras estruturais. Para o propietario, o piñeiro está recuperando os niveis de prezos en monte anteriores á crise do 2008, o que reforza o seu atractivo e o interese na súa silvicultura para obter madeira de calidade.

Para a industria, existe a posibilidade de avanzar na transformación das coníferas e de consolidar novos mercados en produtos de calidade, como, entre outros, a madeira laminada, a madeira termotratada ou o CLT (Cross Laminated Timber), empregado de xeito estrutural na construción. Os operadores do mercado buscan un suministro seguro, con madeiras de proximidade e de calidade, parámetros que posicionan ó piñeiro de Galicia como unha aposta con gran futuro.

Acompañando ese proceso, a Fundación Arume ultima a posta en marcha da marca de calidade Pino de Galicia, que estandarizará a oferta de categorías da madeira de piñeiro de Galicia e mellorará así o seu posicionamento no mercado. O apoio á silvicultura en monte, a mellora xenética e a formación son os outros grandes eixos nos que traballa a Fundación Arume.

 

Mover arriba

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.