A Fundación Arume e a Xunta de Galicia impulsan conxuntamente a campaña de control da banda vermella e banda marrón para protexer os piñeirais galegos
A campaña de tratamentos para frear o avance destas doenzas fúnxicas desenvólvese en colaboración coa Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia.
O obxectivo é salvagardar a produtividade e o valor económico das masas de Pinus radiata, especie especialmente vulnerable, e evitar a desvalorización do monte. Os propietarios interesados nos tratamentos deben contactar coa Fundación Arume para solicitalos
A Fundación Arume asume a dirección técnica da nova campaña de tratamentos contra a banda marrón e a banda vermella. Esta iniciativa, realizada en colaboración coa Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, ten como prioridade mitigar os efectos destas doenzas que comprometen seriamente a saúde e a rendibilidade das masas de piñeiro, especialmente as de Pinus radiata, na comunidade.
A dirección técnica desta campaña consolida o compromiso da Fundación Arume coa sanidade dos piñeirais galegos, tras anos de traballo en vixilancia, asesoramento e coordinación contra as ameazas fitosanitarias. A colaboración coa Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal permite sumar esforzos e garantir unha resposta máis eficaz e coherente no territorio. A experiencia acumulada pola Fundación en campañas anteriores e na transferencia de coñecemento ao sector sitúaa como un actor clave na protección do patrimonio forestal galego.
Unha ameaza directa para o patrimonio forestal
A incidencia da banda marrón e da banda vermella transcende o ámbito sanitario: supón un risco real de desvalorización do monte para o propietario, ao afectar a calidade da madeira e reducir o seu valor comercial. A intervención liderada por Fundación Arume responde á necesidade dunha actuación coordinada e profesional, aplicando un enfoque preventivo e correctivo nas áreas onde a problemática é máis aguda.
Detalles e operativa da campaña
Os tratamentos darán comezo a finais de abril e prolongaranse ata o remate do verán ou principios do outono, dependendo sempre das condicións meteorolóxicas para garantir a máxima eficacia. A estratexia baséase na aplicación de produtos fitosanitarios, adaptándose ao ciclo biolóxico dos fungos causantes.
A selección das zonas prioritarias seguiu criterios técnicos rigorosos, poñendo o foco en:
- O nivel de afectación actual das masas.
- A densidade de masas de Pinus radiata, especie especialmente vulnerable.
- A continuidade das superficies para optimizar o impacto dos tratamentos.
Chamamento á participación dos propietarios
Para que a campaña sexa efectiva, a Fundación Arume convida a todos os propietarios forestais interesados en tratar as súas parcelas a que realicen o rexistro previo. A colaboración cidadá é esencial para acadar o obxectivo de tratar o máximo número de hectáreas afectadas.
Os propietarios deberán formalizar a súa solicitude mediante unha Declaración Responsable. Para obter este modelo oficial, poden contactar coa Fundación a través do correo:
arume@fundacionarume.gal
E o teléfono: 648662296
Para axilizar o proceso, os interesados deberán facilitar os seguintes datos básicos:
- Datos do titular e teléfono de contacto.
- Referencias catastrais das parcelas a tratar.
- Información da masa: especie dominante, idade aproximada e superficie real obxecto do tratamento (especialmente se a parcela non está ocupada integramente por piñeiro).
A Fundación recomenda aos propietarios que non demoren a súa solicitude, xa que a planificación dos tratamentos require organizar as actuacións por áreas e priorizar aquelas zonas onde a afección é máis urxente. Canto antes se formalice o rexistro, maior será a capacidade de resposta sobre o terreo.
-
Sobre a Fundación Arume
A Fundación Arume, entidade declarada de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia, está integrada polo conxunto da cadea forestal – madeira da comunidade: asociacións de propietarios forestais, empresas de servizos e enxeñaría, viveiros, serradoiros, fabricantes de taboleiro, Universidade de Vigo e Abanca. A Fundación traballa a prol do desenvolvemento do territorio, da súa multifuncionalidade, resilencia e biodiversidade.