“Nunca antes houbo tantas oportunidades de mercado para o sector forestal e da madeira”
Abel Castro é enxeñeiro forestal e a segunda xeración do serradoiro Maderas Hermanos Castro, que traballa por dar valor engadido á madeira galega. Con el abordamos as oportunidades que ven na construción en madeira, un dos temas que se tratará en Piñeiros 22, o próximo día 25 en Santiago

Maderas Hermanos Castro é un serradoiro pontevedrés que leva 30 anos proporcionando produtos de madeira para a construción, tanto en interiores como para exterior e apostando por produtos de calidade e valor engadido. Abordamos con Abel Castro, enxeñeiro forestal e a segunda xeración deste serradoiro, as oportunidades que ven na construción en madeira, un dos eixos centrais da edición Piñeiros 22, o encontro organizado pola Fundación Arume, e que se celebra o vindeiro 25 de outubro no Gaiás, en Santiago.
-No voso caso, como serradoiro, en que liñas de traballo estades centrados?
-Abarcamos un pouco de todo, dende o serrado da rolla, é dicir, a primeira transformación da madeira co secado e serrado e clasificación da táboa en seco. Despois, nós tamén damos un valor engadido, cunha segunda transformación, orientándonos á construción en madeira na gama de revestimentos. Estamos un pouco máis centrados en produtos para o exterior (envolventes de fachadas, paseos, etc.), con tratamentos en autoclave ou termotratado.
-En Maderas Hermanos Castro fostes dos pioneiros de Galicia en ofrecer madeira galega termotratada, como decidistes comezar con este proceso?
-Xa levábamos 17 anos cun mercado de madeira para exterior en autoclave e vimos que había esa demanda. Comezamos importando algo de madeira termotratada de ‘pino rojo’ e en abeto. Entón, vimos que había unha oportunidade de facelo coa nosa madeira. Non sabíamos como ía resultar, pero a verdade é que está a ir moi ben. Nós facemos o termotratado en piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) e queda cunha estética e acabado espectacular, que non ten nada que ver co piñeiro nórdico.
-¿Que significou para o serradoiro?
-Comezamos hai 3 anos a traballar co piñeiro do país termotratado. Empezamos cunha cámara moi pequena, de 5 metros cúbicos. A comezos de 2022 montamos a segunda cámara, que xa conta cunha capacidade de 20 metros cúbicos. Así puidemos aumentar a nosa capacidade produtiva. Por unha parte, apostar pola madeira termotratada foi un xeito de diferenciarnos da competencia.
Por outro lado, demándanos máis madeira do consumo interno do serradoiro e unha clasificación moito máis esixente, o que nos obrigou a abandonar outros mercados minoritarios . O termotratado é outro xeito de traballar a madeira e é unha liña complementaria do serradoiro, xa que representa arredor dun 5% da produción de Hermanos Castro.
“O mercado local ten que ser das empresas galegas e temos que chegar a conseguir que dende fóra demanden os nosos produtos”
-Un dos temas centrais de Piñeiros 22 son as oportunidades que se lle abren ó piñeiro na construción, como se perciben dende o sector estas liñas de mercado?
-Por unha banda, hai certa incerteza, xa que proporcionar madeira para construción leva moitos pasos, aínda que o mercado poida asumilo e hai gran demanda. Somos competitivos nun mercado local, non somos competitivos no volume que ofrecen outros países. A inversión que se precisa para ser competitivos fóra é moi importante.
O de posicionarnos na construción en madeira é un camiño que hai que ir facendo pouco a pouco e xa se están dando pasos, con ferramentas como as axudas que acaba de sacar agora a Consellería a través de XERA. Pódense dar pasos nesa dirección.
O mercado da construción en madeira vai ser unha oportunidade para o sector galego. Non podemos estar traendo madeira de fóra cando temos materia prima aquí. O mercado local ten que ser das empresas galegas e temos que chegar a conseguir que dende fóra demanden os nosos produtos.
-Un dos eixos da Fundación Arume é o impulso da marca de calidade Pino de Galicia e precisamente en Piñeiros 22 tratarase a situación dos montes de piñeiro galegos, tedes dificultades para atopar a cantidade suficiente de madeira de calidade?
-Na nosa zona e pola produción que temos, xa que somos un serradoiro pequeno, estamos podendo conseguir madeira de calidade. A dificultade existe cando se fala de grandes volumes, que son necesarios para poder introducir un produto no mercado.
-En Piñeiros tamén se tratarán os esforzos en materia de mellora xenética do piñeiro que se están levando a cabo tanto en Galicia coma en Portugal. Como vedes esta perspectiva?
-Aínda que nós non estamos no monte, a aposta pola mellora xenética é un básico para que o sector funcione. Sen planta de calidade e sen mellora xenética non avanzaremos. Este é o primeiro paso, non podemos ter madeira de calidade se no monte non hai plantas e piñeiros de calidade.
-Como valoras a situación do sector forestal galego?
-O sector forestal ten moito futuro, hai moitas oportunidades de mercado para lograr maior valor engadido. Con todo, agora tamén nos atopamos nun momento de incerteza a nivel global pola situación dos prezos. Estamos á expectativa de como evoluciona a situación mundial, non só no sector forestal. Creo que ó forestal non se lle presentaran antes tantas oportunidades de mercado como as que ten agora.