Galicia multiplica por 10 as plantacións de piñeiro desde o 2018, trala unión de toda a cadea forestal para potencialo

Galicia multiplica por 10 as plantacións de piñeiro desde o 2018, trala unión de toda a cadea forestal para potencialo

Jacobo Feijoo, secretario de la Asociación Sectorial Forestal de Galicia (Asefoga), Francisco Dans, vicepresidente de la Fundación Arume e Isabel Garcia, presidenta de Viveiros Forestais de Galicia (Vifoga), durante a rolda de prensa en Santiago.
Jacobo Feijoo, secretario de la Asociación Sectorial Forestal de Galicia (Asefoga), Francisco Dans, vicepresidente de la Fundación Arume e Isabel Garcia, presidenta de Viveiros Forestais de Galicia (Vifoga), durante a rolda de prensa en Santiago.

Os viveiros galegos pasaron de producir 524.000 plantas de coníferas no 2018 a unha media de 5,1 millóns de plantas anuais no trienio 2019-2021

A aposta de todo o sector forestal para potenciar o piñeiro en Galicia deu xa os seus primeiros froitos, pois as plantacións anuais de coníferas en Galicia multiplicáronse por 10 desde o 2018. Ese foi o ano no que toda a cadea forestal da comunidade se uniu para dar o pistoletazo de saída á recuperación dos piñeiros en Galicia, primeiro coa sinatura dun convenio de colaboración, asinado por medio cento de entidades e empresas do sector no outono do 2018, e xa a mediados do 2019 coa constitución oficial da Fundación Arume.

A toma de conciencia de toda a cadea forestal galega sobre a potencialidade dos piñeiros plasmouse na folla de ruta marcada pola Fundación Arume, asentada en catro piares: mellora xenética, silvicultura e restauración de montes, marca e mercado, e formación.

Un primeiro termómetro do impacto que tivo esa estratexia compróbase na evolución das plantacións de piñeiros en monte. No 2016 e no 2017, os viveiros galegos produciron menos de medio millón de plantas de piñeiro ó ano, unha cifra que se elevou lixeiramente no 2018 ata 524.000. Pero foi no 2019, ano de creación da Fundación Arume, cando a cifra de plantas anuais se elevou ata 4,6 millóns, en tanto no 2020 chegouse ós 5,7 millóns de plantas.

En resumo, no trienio 2019-2021, os viveiros galegos produciron unha media de 5,1 millóns de plantas anuais, o que practicamente multiplica por 10 as cifras do 2018. A produción de planta nos viveiros galegos permite a plantación anual de arredor de 5.000 hectáreas de coníferas, ás que hai que sumar a superficie de piñeirais cortados que se rexeneran de xeito natural.

 

Mellora xenética

Outra cuestión a considerar é a categoría da planta comercializada. Nestes últimos anos, hai un incremento na utilización de planta de categorías xenéticas superiores, unha tendencia na que cómpre seguir avanzando.

Neste senso, a Fundación Arume ten aberta unha liña de traballo, mediante convenio coa Consellería de Medio Rural, para avanzar na mellora xenética dos piñeiros, de xeito que se lle ofrezan ós propietarios plantas con maiores crecementos, mellor calidade e maior resistencia a enfermidades.

Bioeconomía

Cando se iniciou a aposta estratéxica do sector forestal polo piñeiro, no 2018, facíase en base a uns pronósticos sobre a demanda futura que tería a madeira nunha época marcada pola bioeconomía, na que a madeira, en especial a de coníferas, se presenta como a materia prima estrela para reducir a pegada de carbono, tanto en novos usos, caso por exemplo da madeira estrutural para construción, como en usos tradicionais (carpintería, embalaxes, mobles, etc.).

Eses pronósticos sobre a demanda futura comezaron xa a facerse realidade no 2021, ano no que a alta demanda internacional de coníferas disparou o prezo da madeira de piñeiro para serra entre un 40 e un 50% en monte.

Coa liña de traballo emprendida pola Fundación Arume, pódese concluír que Galicia está hoxe em día maís preparada para sacar réditos sociais, ambientais e económicos a esta tendencia do mercado.

Mover arriba

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.