A Fundación Arume participa en Bordeos no congreso sobre o futuro dos bosques do sur de Europa
Na xornada abordáronse os retos que se presentan derivados do cambio climático e dos desafíos do mercado. Arume explicou os esforzos desenvolvidos para promover mellores prácticas no monte e lograr produtos finais de maior calidade

A Fundación Arume foi un dos participantes no congreso europeo “Os bosques do sur de Europa ante o cambio climático e os desafíos do mercado”, que congregou en Bordeos (Francia) a expertos e autoridades para abordar os retos do sector forestal. O encontro, organizado pola Unión de Silvicultores do Sur de Europa (USSE) contou con representantes de Nova Aquitania, País Vasco, Navarra, norte de Portugal e Galicia. Así, a Fundación Arume formou parte da delegación galega, xunto coa Consellería de Medio Rural e a Asociación Forestal de Galicia (AFG).
No marco desta xornada, o vicepresidente da Fundación, Francisco Dans, presentou os puntos fortes do traballo de Arume, para promover mellores prácticas en monte (mellora xenética, restauración ambiental de montes afectados por lume, boas prácticas silvícolas), así como para a obtención de produtos finais de maior calidade, valorizados a través da marca Pino de Galicia.
Xestión forestal para o futuro dos montes
Co Congreso, as asociacións de propietarios do sur de Europa e os gobernos rexionais do arco atlántico subliñaron a importancia da xestión forestal para preservar os montes e defendelos de fenómenos como lumes, pragas e enfermidades, factores todos eles asociados ó cambio climático e que empeoran o seu prognóstico coa falta de xestión do monte.
Así, houbo consenso na necesidade de tomar medidas para favorecer a xestión forestal, tales como as agrupacións de propietarios forestais, medidas que favorezan o relevo xeracional no monte, incentivos fiscais...
O compromiso dos participantes de traballar polo aumento da resiliencia dos bosques e por fortalecer as respectivas cadeas forestais e da madeira quedou patente nun manifesto bautizado como a Declaración de Bordeos.