A Fundación Arume e a cooperativa Clun asinan un convenio que abre unha ruta de descarbonización para a economía galega
A Fundación Arume e a cooperativa CLUN veñen de asinar un convenio de colaboración polo que se comprometen a impulsar de xeito conxunto proxectos forestais. A alianza entre o sector forestal e o sector lácteo constitúe un fito histórico e inicia o camiño para que as empresas galegas compensen as súas emisións de CO2 con investimentos no monte, que como é sabido, actúa de sumidoiro do dióxido de carbono atmosférico. Estes investimentos contribuirán a mitigar o cambio climático e á prevención de incendios en Galicia.
O convenio de colaboración entre ambas entidades foi asinado polo presidente da Fundación Arume, José Carballo, e polo presidente de CLUN, José Ángel Blanco, coa presenza como convidado do conselleiro do Medio Rural, José González. Trala sinatura, abordaranse uns primeiros proxectos de restauración nos que a Fundación Arume colabora coa propiedade nos traballos de recuperación de máis de 60 hectáreas de monte queimado. Son proxectos que ademais contribuirán a que a marca Únicla de CLUN teña no 2021 tódalas súas emisións de carbono compensadas.
O presidente da Fundación Arume, José Carballo, expresou o seu agradecemento á cooperativa CLUN por implicarse na restauración forestal de montes en Galicia. “Estamos ante unha alianza histórica entre o sector agrogandeiro de Galicia e o sector forestal”, recoñeceu. Asimesmo, Carballo destacou que o acordo abre un camiño para que as empresas invistan na rexeneración dos montes galegos como vía para compensar as súas emisións de CO2.
“A Fundación Arume, unha entidade sen ánimo de lucro e declarada de interese público, constitúe unha canle axeitada para a descarbonización da economía galega” -valora José Carballo-. “Na Fundación Arume está representada toda a cadea forestal de Galicia, desde propietarios forestais a viveiros, aserradoiros, empresas de servizos ou industrias, e tamén a entidade financieira galega ABANCA. Temos a capacidade e os coñecementos técnicos para conectar os investimentos das empresas na compensación de emisións coa recuperación de montes galegos”, subliñou Carballo.
En respaldo á sinatura do convenio, estiveron tamén presentes no acto o vicepresidente da Fundación Arume, Francisco Dans, e xefa de Calidade e Innovación de CLUN, Sabela Oca. Ao remate do acto, Dans incidiu en que este acordo coa cooperativa CLUN abre un camiño ilusionante, ao significar unha implicación activa de entidades como a Cooperativa CLUN no apoio económico ás actuacións de restauración que se levan a cabo en montes afectados por catástrofes, infrautilizados ou en estado de abandono en Galicia, permitindo así que a propiedade poida abordar a súa restauración on garantías.
“Cómpre lembrar que só en outubro do 2017 arderon na comunidade 50.000 hectáreas de monte e que boa parte desa superficie está aínda sen recuperar”, salientou Dans.
Promoción da silvicultura e do uso da madeira
Outras cuestións que se abordarán no marco do convenio son a promoción do uso da madeira galega e a formación das persoas socias de Clun en silvicultura.