A Fundación Arume asenta as bases para lanzar a estratexia de mellora xenética dos piñeiros galegos

Dous reputados investigadores forestais chilenos, Miguel Ángel Peredo e Fernando Droppelmann, están este mes en Galicia para acompañar o traballo de mellora xenética das coníferas galegas. Chile é un dos referentes mundiais na mellora xenética do piñeiro radiata, con máis de 40 anos de experiencia

Instante da xornada celebrada no Centro de Investigación Forestal de Lourizán.
Instante da xornada celebrada no Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Unha xornada que celebramos estes días no Centro de Investigación Forestal de Lourizán escenificou o pistoletazo de saída para dar un salto cualitativo na mellora xenética das coníferas galegas. Na xornada contouse coa participación de dous reputados investigadores forestais chilenos, Miguel Ángel Peredo e Fernando Droppelmann*, que están visitando este mes montes e industrias galegas para iniciar o acompañamento da estratexia de mellora xenética dos piñeiros galegos.

Chile é unha das referencias mundiais en mellora xenética do piñeiro, pois levan máis de 40 anos traballando na mellora xenética do piñeiro radiata. Os resultados do traballo chileno son claros. Na actualidade, a planta mellorada chilena ofrece unhas ganancias en volume de arredor dun 35-50% en relación á planta convencional. O piñeiro radiata córtase en Chile en quendas máximas de 24-25 anos, cunha produtividade total de 500-600 metros cúbicos por hectárea.

Os investigadores chilenos, Fernando Droppelmann (centro) e Miguel Ángel Peredo (dereita) durante a xornada celebrada en Lourizán.
Os investigadores chilenos, Fernando Droppelmann (centro) e Miguel Ángel Peredo (dereita) durante a xornada celebrada en Lourizán.

 

 O obxectivo da Fundación Arume é o de acelerar en Galicia a mellora xenética das coníferas, tanto do piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) como do piñeiro insigne ou radiata (‘Pinus radiata’), que conforman a maioría de piñeirais da comunidade. A intención é a de poñer a disposición dos propietarios forestais galegos planta mellorada, que logre maiores crecementos, con maior calidade de madeira, e que sexa máis resistente a enfermidades e pragas, que previsiblemente aumentarán nas próximas décadas de xeito paralelo ó cambio climático.

O apoio da Fundación Arume busca acelerar o plan de mellora xenética do piñeiro que vén desenvolvendo o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que xa está a poñer a disposición dos viveiros galegos planta con mellora xenética. Un dos seus últimos fitos foi o de establecer tres parcelas de ensaio en monte (Salceda de Caselas, Padrón e Frades) con planta mellorada que presenta maiores resistencias á praga do nematodo, que afecta ó sur de Pontevedra.

Para a próxima campaña de plantación, no inverno – primavera de 2023, espérase que os silvicultores xa teñan acceso a unha partida significativa desta planta nos viveiros galegos.

 

* Miguel Angel Peredo. Profesor da Universidade de Bío-Bío. Chile. Exxefe de División en Bioforest S.L. empresa de investigación de Forestal Arauco.

Fernando Droppelmann. Director executivo da Cooperativa de Mejoramiento genético forestal. Director do Instituto de Bosques y Sociedad, Facultad de Ciencias Forestales. Universidad Austral de Chile.

Mover arriba

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.