A compensación de emisións de CO2, unha oportunidade de atraer investimentos para a restauración de montes

Unha xornada organizada por Abanca Agro, en colaboración coa Fundación Arume, abordou a oportunidade que representa a descarbonización da economía para o monte galego. O evento serviu para poñer de manifesto que as empresas interesadas en compensar as súas emisións de CO2 teñen a posibilidade de investir en proxectos de restauración de montes en Galicia, unha liña con grandes expectativas para os próximos anos.

O presidente da Fundación Arume, José Carballo, que interviu na xornada, salientou que a Fundación Arume é unha canle privilexiada que pode encauzar os investimentos no monte de empresas e marcas, sobre todo galegas, para compensar as súas emisións de gases de efecto invernadoiro.

Na actualidade, en Galicia só hai postos en marcha seis proxectos de compensación, que suman 47 hectáreas,  pero a perspectiva é que esa liña de traballo medre de xeito progresivo. A Fundación Arume, unha entidade sen ánimo de lucro que agrupa a toda a cadea forestal de Galicia, dispón da capacidade técnica e metodolóxica para a posta en marcha deste tipo de iniciativas.

A compensación de emisións das empresas pode realizarse, por exemplo, mediante a restauración de montes afectados por incendios forestais ou que estivesen desarborados os últimos 30 anos. É unha vía que abriría a porta na comunidade para a rexeneración de montes que se atopan degradados ou en estado de abandono.

A compensación de emisións de CO2, unha oportunidade de atraer investimentos para a restauración de montes

Cambio climático e bioeconomía

Durante a xornada, Marta Hernández, da Oficina Española do Cambio Climático, explicou que a industria manufactureira e as empresas de transporte son as que están a apostar máis por plans de descarbonización, que levan consigo tanto o cálculo das emisións propias como proxectos asociados para compensalas. Hai en toda España máis de 1.300 entidades inscritas no rexistro de compensación de emisións creado polo Ministerio de Transición Ecológica.

O esforzo por reducir a pegada de carbono tamén está a ser un dos eixos de traballo de entidades agrarias galegas como a cooperativa Clun, segundo explicou a director de Innovación e Calidade da cooperativa, Sabela Oca.

A xornada contou tamén coa participación de Eduardo Rojas, presidente decano do Colegio Oficial de Ingenieros de Montes, que puxo en valor a bioeconomía e reinvindicou o papel social, ambiental e económico dos bosques no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.

Por parte do conselleiro do Medio Rural, José González, destacouse a importancia de recuperar os montes queimados, pero o conselleiro tamén subliñou a necesidade de mellorar a prevención. “Neste 2020, só nos 4 días de incendios de setembro, nos que se queimaron 11.000 hectáreas, emitíronse 148.000 toneladas de CO2 á atmosfera”, detallou González.

Pola súa banda, Abanca, organizadora do acto, incidiu no potencial do sector forestal galego nos retos que se presentan ante as novas normativas europeas. Francisco Botas, conselleiro delegado de Abanca, fixo un chamamento a aproveitar “as oportunidades derivadas do xiro cara á economía verde, que nos encamiña cara a unha redución das emisións e o uso de recursos renovables, xusto o que a madeira pode ofrecer”.

Do peso do sector forestal en Galicia dá idea o traballo de Abanca neste ámbito. No que vai de ano, Abanca concedeu financiación ó sector forestal por importe de 62,7 millóns de euros, un 36,9% máis que no 2019, nos que se inclúen 3.000 clientes, a maioría en Galicia, vinculados a distintas actividades da cadea de valor da madeira.

O conselleiro delegado de Abanca destacou a colaboración entre todos os integrantes da cadea de valor para conseguir que o sector continúe medrando. Nesta mesma liña de colaboración, Botas encadrou iniciativas como a participación de Abanca na Fundación Arume.

Mover arriba

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.