control banda
Parcela de ensaios da comunidade de montes veciñais de Soutelo (Salceda de Caselas, Pontevedra), con 12 xenotipos resistentes ó nematodo do piñeiro.
Parcela de ensaios da comunidade de montes veciñais de Soutelo (Salceda de Caselas, Pontevedra), con 12 xenotipos resistentes ó nematodo do piñeiro.

As primeiras 25.000 plantas de estaquilla de piñeiro do país con resistencias á praga do nematodo xa se instalaron en monte

O Grupo Operativo Piña, coordinado pola Fundación Arume, avanza no seu proxecto de I+D para incrementar a produción de planta forestal mellorada

As primeiras 25.000 plantas de estaquilla de piñeiro do país con resistencias á praga do nematodo xa se instalaron en monte

O Grupo Operativo Piña, que ten por obxectivo a multiplicación vexetativa de planta forestal de piñeiro mellorado, impulsou nos últimos anos a obtención de planta comercial a partir de campos de pés nai de piñeiro do país (‘Pinus pinaster’). Esta planta ten o especial interese de presentar maior resistencia ó nematodo do piñeiro, polo que se optou pola súa multiplicación vexetativa (estaquillado) para conservar os xenes da resistencia e axilizar a súa transferencia ó monte.

Nos últimos tres anos, producíronse arredor de 40.000 plantas de piñeiro do país con maior resistencia ó nematodo. Son plantas que ademais presentan en paralelo parámetros mellorados de rectitude, crecementos e conformación, polo que resultan de especial interese para zonas tradicionais de coníferas onde estea a ter impacto a praga do nematodo do piñeiro, xa presente en Galicia no sur de Pontevedra e no suroeste da provincia de Ourense.

As primeiras 25.000 plantas de piñeiro melloradas que foron obtidas a través do Grupo Operativo Piña xa se instalaron en monte, principalmente en Galicia, primeiro en plantacións demostrativas e ensaios, e logo en plantacións de empresas e comunidades de montes veciñais interesadas. 

É tamén de destacar que propietarios doutros puntos da Península, como Portugal e País Vasco, tamén adquiriron a planta galega mellorada para testeala nos seus montes e comprobar resultados.

Traballos paralelos co piñeiro radiata

Estes traballos do Grupo Operativo Piña co piñeiro do páis son paralelos á recente instalación de campos de pés nai de piñeiro radiata (‘Pinus radiata’) de alta xenética, dos que se obterá planta comercial a partir do outono do 2026. Ambas especies, piñeiro do país e piñeiro radiata, conforman o groso das masas de coníferas existentes en Galicia.

Cómpre lembrar que os proxectos de multiplicación vexetativa de planta mellorada de piñeiro do país e de piñeiro radiata  naceron a partir da constatación de que a cantidade de planta forestal mellorada que está dispoñible para a reprodución convencional (a partir de semente) é de todo insuficiente para satisfacer a demanda a curto prazo. Ademais, a propagación vexetativa constitúe unha ferramenta esencial para fixar e garantir a transmisión dos caracteres de interese obtidos na mellora xenética de xeito mais rápido. Por ese motivo, a Fundación Arume, a través do Grupo operativo Piña, emprendeu a multiplicación vexetativa do material de alta calidade xenética por medio de campos de pés nai.

En todo este proceso son protagonistas os viveiros colaboradores do Grupo Operativo Piña (viveiro de Tragsa, en Maceda, Ourense; viveiro Costa de Lóngaras, en Abadín, Lugo, e viveiro Hifas Foresta, en Pontevedra), co asesoramento da Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal de Chile, coa que a Fundación Arume ten un acordo de colaboración. 

O material xenético mellorado de partida foi obtido polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán e facilitado pola Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal (Xunta de Galicia).
 
Sobre o grupo operativo Piña


O Grupo Operativo Piña está financiado pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), con aportación económica de Fondos Feader (UE), e conta coas seguintes entidades socias: Fundación Arume, Viveiro Costa de Lóngaras SLU, Hifas Foresta SL, Asociación Forestal de Galicia, Asociación Sectorial Forestal Galega, Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal (Xunta de Galicia), Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Tragsa e Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal de Chile.

Mover arriba

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.