control banda
O Padroado da Fundación Arume aborda a folla de ruta para a mellora forestal das coníferas e para a xeración de valor no mercado

O Padroado da Fundación Arume aborda a folla de ruta para a mellora forestal das coníferas e para a xeración de valor no mercado

• Nunha reunión celebrada na mañá do venres 26 de xuño en Ames (A Coruña), a Fundación presentou balance e liñas de actuación das dúas mesas de traballo nas que se organiza a entidade, a Mesa de Monte e a Mesa de Mercado

• O evento contou coa asistencia do director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal XERA, Alfredo Fernández Ríos, e da directora xeral de Ordenación e Planificación Forestal, Luisa Piñeiro

O Padroado da Fundación Arume mantivo o venres unha reunión en Ames (A Coruña) para facer balance do último ano e planificar a continuidade das súas liñas de traballo. O evento serviu para marcar os desafíos tanto a nivel de monte como de mercado, os dous focos nos que organiza o seu traballo a Fundación.

Na parte forestal, o foco sitúase en continuar avanzando na mellora xenética das tres especies de piñeiro nas que está centrado o traballo da Fundación: o piñeiro do país (Pinus pinaster), o piñeiro radiata e o piñeiro taeda. 

Este último, o piñeiro taeda, presenta a vantaxe de ser resistente ao fungo das bandas, que afecta nos últimos anos ao piñeiro radiata, polo que a Fundación Arume vai implantar parcelas de ensaio en monte con semente procedente de Uruguai, a fin de testar o seu resultado en distintas zonas de Galicia, con diferentes altitudes e tipos de solo.

En paralelo, a Fundación está a impulsar a reprodución vexetativa (estaquillado) de planta de alta xenética, tanto de piñeiro do país como de piñeiro radiata. A reprodución vexetativa, con enraizamento de estaquillas, permite multiplicar a cantidade de planta de alta xenética que se pode transferir aos propietarios forestais e comunidades de montes veciñais.

Os avances en sanidade vexetal e silvicultura son as outras dúas grandes liñas de traballo da Mesa de Monte. 

No que respecta á Mesa de Mercado, o seu obxectivo sitúase en posicionar a madeira de piñeiro de Galicia ante prescriptores e consumidores, de xeito que se logre a xeración de máis valor. Para iso, a Fundación Arume traballa en reforzar a marca de garantía Pino de Galicia, enfocándose na construción activa da demanda, para o que se buscará gañar notoriedade, credibilidade e difusión.

Formación en arquitectura en madeira

De cara a fomentar os novos usos da madeira, a Fundación Arume, ao abeiro das axudas XERA-SAVIA da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), está a organizar o seu primeiro programa formativo de arquitectura en madeira, denominado 'O futuro é madeira', que se desenvolverá a partir de setembro durante 9 venres consecutivos, constando de 5 sesións teóricas e 4 xornadas de visitas. As prazas son limitadas e a inscrición está aberta, a un prezo de 250 euros.

Prema aquí para acceder a máis información e á solicitude de inscrición.


Sobre a Fundación Arume

A Fundación Arume, entidade declarada de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia, está integrada polo conxunto da cadea forestal – madeira da comunidade: asociacións de propietarios forestais, empresas de servizos e enxeñaría, viveiros, serradoiros, fabricantes de taboleiro, Universidade de Vigo e Abanca. A Fundación traballa a prol do desenvolvemento do territorio, da súa multifuncionalidade, resilencia e biodiversidade.

Mover arriba

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.