Galicia plantou no 2022 a superficie máis alta de piñeiro dos últimos 15 anos

As coníferas recuperaron atractivo para o propietario forestal polos maiores prezos da súa madeira e as perspectivas dunha demanda crecente para usos de alto valor engadido. A comercialización de planta con mellora xenética elévase a un 47% do total, cando no 2019 representaba menos do 7% da planta producida

Galicia plantou no 2022 a superficie máis alta de piñeiro dos últimos 15 anos

O piñeiro consolidou no 2022 a tendencia a un protagonismo en ascenso nas plantacións forestais galegas. Durante o último ano, as plantacións de piñeiro medraron un 17,6% en comparación coa media dos tres anos anteriores (2019-2021). En total, no 2022 plantáronse 4.832 hectáreas de coníferas, a cifra máis alta dos últimos 15 anos.

O aumento de prezos da madeira de piñeiro a partir do 2021, que chegou a ser de ata un 40-50% en madeira de calidade, fixo que as coníferas incrementasen atractivo para o propietario forestal. A recuperación do mercado de piñeiro chegou ademais para quedarse, pois as perspectivas internacionais apuntan a unha demanda crecente e estable ao longo das próximas décadas.

Este escenario coincide co impulso que a Fundación Arume lle está a dar ó piñeiro en Galicia. Creada no 2019, a partir dun acordo previo do outono do 2018, a Fundación Arume, na que participa toda a cadea do piñeiro da comunidade, está a traballar desde entón en catro eixos: mellora xenética, restauración de montes e silvicultura, marca (Pino de Galicia) e formación.

A creación da Fundación Arume supuxo un salto para as coníferas na comunidade, pois pasouse de anos que estaban por debaixo das 400 hectáreas plantadas (2016 e 2017) ou lixeiramente por riba (419 hectáreas no 2018) ás cifras dos últimos anos, cunha media de 4.288 hectáreas anuais plantadas no periodo 2019-2022. O último ano, ademais, presenta as mellores cifras de toda a serie histórica dos últimos 15 anos, con 4.832 hectáreas e máis de 6 millóns de plantas producidas nos viveiros forestais galegos.

Instante da reunión do Padroado da Fundación Arume, este mañá en Santiago.
Instante da reunión do Padroado da Fundación Arume, este mañá en Santiago.

Mellora xenética

Un segundo elemento a destacar é a tendencia crecente a incorporar planta con mellora xenética nas plantacións forestais. No 2022, un 47% da planta empregada corresponde ás dúas categorías xenéticas superiores (cualificada e controlada), cando no 2019 esa porcentaxe non chegaba ó 7%. Está a ser decisivo, neste sentido, o programa de reprodución vexetativa de planta mellorada que impulsou a Fundación Arume en colaboración coa Consellería do Medio Rural (Axencia Galega de Calidade Alimentaria) e con cinco viveiros forestais galegos.

De cara ó futuro, a perspectiva é que a planta maioritaria presente mellora xenética, ben da categoría de material controlado, ben da categoría de material cualificado.

O material controlado é a categoría superior de mellora xenética e correspóndese con planta que foi sometida a ensaios comparativos que garanten unha mellora en crecemento e calidade en relación á planta das categorías xenéticas inferiores (identificada e seleccionada). A planta con etiqueta cualificada é aquela que procede de hortos sementeiros con individuos seleccionados por cumprir uns requisitos a nivel fenotípico.

Anexo - Planta piñeiro 23.pdf
Mover arriba

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.