control banda
Galicia instalará en monte as primeiras 10.000 plantas de piñeiro radiata de alta xenética

Galicia instalará en monte as primeiras 10.000 plantas de piñeiro radiata de alta xenética

O Grupo Operativo Piña, impulsado pola Fundación Arume,  creou tres campos de pés nai, a partir dos que este outono – inverno comezará a xerar planta  para parcelas demostrativas e comercialización 

Un dos fitos que destaca no 2026 é a próxima instalación en monte de 10.000 plantas de piñeiro radiata de alta xenética, obtidas mediante reprodución vexetativa (estaquillado) a través do Grupo Operativa Piña.

No marco deste proxecto, impulsado pola Fundación Arume, creáronse un total de tres campos de pés nai cun total de 1.890 plantas, cultivadas en formato seto para a produción de estacas enraizadas de ‘Pinus radiata’. Para a selección do material dos campos de pés nai, valorouse vigor e forma das árbores candidatas, a partir dos horto sementeiros galegos de piñeiro radiata. 

A selección final fíxose sobre árbores de 12 anos que presentaban unha alta calidade, cunha altura media superior a 13 metros, 21 centímetros de diámetro do tronco e bo fuste.

Os campos de pés nai están situados nos viveiros forestais de Tragsa (Maceda, Ourense), Hifas Foresta (Beariz, Ourense)  e Costa de Lóngaras (Abadín, Lugo). 

Como paso previo á comercialización da planta forestal producida nos campos de pés nais, estes deben darse de alta no rexistro de campos de pés nai da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, un proceso agora en trámite, coa perspectiva de iniciar a instalación en monte de planta no outono 2026 - inverno2027, primeiro con parcelas demostrativas e logo con venda comercial libre.

Está previsto acadar a plantación de polo menos 10.000 plantas do piñeiro radiata seleccionado nos próximos meses. Este proceso demostra, en primeiro lugar, a viabilidade de extender as melloras xenéticas dos pés de maior calidade a través da multiplicación vexetativa por estaquilla, unha tecnoloxía na que os viveiros galegos contaron co asesoramento técnico de especialistas da Cooperativa de Mellora Xenética Forestal de Chile.

Galicia instalará en monte as primeiras 10.000 plantas de piñeiro radiata de alta xenética

Cómpre tamén ter en conta que a nivel comercial, a recomendación é que a instalación de novas parcelas de piñeiro radiata se faga en zonas de Galicia que presenten unha baixa afección dos fungos das bandas, pois a día de hoxe, aínda non existe material de piñeiro radiata resistente a estes fungos.

En zonas afectadas polas bandas, outras coníferas máis resistentes a esta doenza son a día de hoxe as principais alternativas, caso do piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) ou do piñeiro taeda.

Piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) resistente ó nematodo

O Grupo Operativo Piña leva tamén catro anos traballando con campos de pés nai de piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) resistente ó nematodo do piñeiro, co viveiro de Tragsa como referencia deste proceso. Froito do traballo realizado, a produción de planta forestal de piñeiro do país resistente ó nematodo é xa unha realidade comercial.

A Fundación Arume confía en que os resultados acadados animen a máis viveiros a incorporar esta tecnoloxía aos seus procesos produtivos de planta de calidade, de xeito que Galicia faga máis robusta e avanzada a xenética das súas masas forestais, con mellores crecementos e resistencia a ameazas biolóxicas e abióticas.

O Grupo Operativo Piña

O Grupo Operativo Piña está conformado pola Fundación Arume (entidade coordinadora), a Asociación Forestal de Galicia, Hifas Foresta e viveiros Costa de Lóngaras. Como entidades colaboradoras, está a Asociación Sectorial Forestal Galega, (Asefoga) o Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (Xunta de Galicia).

O Grupo ten ademais subscrito senllos acordos de colaboración con Tragsa e coa Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal de Chile. O proxecto está cofinanciado con axudas para a execución de proxectos innovadores por grupos operativos da AEI da UE, convocadas pola Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria (Agacal).

-

Sobre a Fundación Arume

A Fundación Arume, entidade declarada de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia, está integrada polo conxunto da cadea forestal – madeira da comunidade: asociacións de propietarios forestais, empresas de servizos e enxeñaría, viveiros, serradoiros, fabricantes de taboleiro, Universidade de Vigo e Abanca. A Fundación traballa a prol do desenvolvemento do territorio, da súa multifuncionalidade, resilencia e biodiversidade.

Mover arriba

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.