control banda
A Fundación Arume programa para o 28 de outubro ‘Piñeiros 25’, a quinta edición do encontro internacional sobre a cadea de valor das coníferas

A Fundación Arume programa para o 28 de outubro ‘Piñeiros 25’, a quinta edición do encontro internacional sobre a cadea de valor das coníferas

O evento adicaralle este ano protagonismo á cadea forestal – madeira de Uruguai e Chile,  países punteiros a nivel internacional no manexo de plantacións de coníferas, con importantes industrias ligadas a súa transformación

O  foro contará con tres bloques temáticos principais, nos que se abordará o papel da construción en madeira fronte ó déficit de vivendas, os retos de sanidade forestal en coníferas e a vinculación do piñeiro co imaxinario cultural galego 
 

A Cidade da Cultura de Santiago acollerá o martes 28 de outubro ‘Piñeiros 25’, a quinta edición do encontro internacional especializado nas coníferas. O evento, organizado pola Fundación Arume, convertiuse xa nunha cita clave para toda a cadea forestal – madeira, pois aborda cada ano innovacións e tendencias, tanto a nivel forestal como da cadea industrial dos piñeiros.

O foro contará con tres bloques temáticos principais e cunha conferencia de apertura, ligada á participación da madeira galega na recente Bienal de Arquitectura de Venecia. Seguiranlle unha serie de mesas redondas nas que se abordarán cuestións como o papel da construción en madeira ante o déficit de vivendas, a sanidade forestal en coníferas ou a vinculación do piñeiro co imaxinario cultural galego.

Este ano, Piñeiros 25 contará con Uruguai e Chile como países convidados, con ponentes de ambos países que explicarán claves do seu traballo tanto no ámbito forestal como no industrial e de construción en madeira. 

Chile destaca como un expoñente internacional na mellora xenética de piñeiro radiata, unha especie tamén amplamente estendida en Galicia; en tanto o caso uruguaio, a nivel forestal, interesa pola súa experiencia co piñeiro taeda, unha conífera que se está introducindo en Galicia nos últimos anos debido a súa resistenza a enfermidades e pragas, caso do fungo das bandas e do nematodo do piñeiro.

Ambos países contan ademais cunha industria de transformación caracterizada pola súa innovación, con foco sobre a construción estrutural en madeira e outros usos de alto valor engadido.

Coa participación de Chile e Uruguai en Piñeiros 25, consolídase o posicionamento internacional do encontro, pois cada ano serve de escaparate non só das innovacións e tendencias en Galicia, senón do camiño que se está seguindo noutros territorios nos que a cadea forestal – madeira de coníferas é punteira e recoñecida a nivel internacional.

En edicións anteriores, xa se contara coa presenza de Francia como país convidado (2024), así como de Euskadi (2023) e Portugal (2022).

Sobre a Fundación Arume

A Fundación Arume, entidade declarada de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia, está integrada polo conxunto da cadea forestal – madeira da comunidade. O seu obxectivo é fomentar o desenvolvemento do piñeiro en Galicia, para o que traballa en catro liñas estratéxicas: silvicultura e restauración ambiental, mellora xenética, formación e marca (Pino de Galicia).

Mover arriba

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.