“Estase recuperando a intención de facer novas reforestacións con piñeiro e con planta mellorada”

Abordamos con Javier Villaverde, presidente da Asociación de Viveiros Forestais de Galicia, a demanda de planta de piñeiro en Galicia e as oportunidades que ofrece a planta mellorada. Con el tratamos tamén algún dos temas que se abordarán en Piñeiros 22 

Javier Villaverde con algunha planta de coníferas no viveiro.
Javier Villaverde con algunha planta de coníferas no viveiro.

Javier Villaverde é xerente do viveiro coruñés Viforsa e coordinador das plantacións e sementeiras da empresa. Ademais dende hai uns meses exerce como presidente da asociación de Viveiros Forestais de Galicia (Vifoga). Con el coñecemos a demanda de piñeiro que está a haber nos viveiros galegos, así como as oportunidades que supón apostar pola planta con mellora xenética.

Tratamos ademais algúns dos temas que se abordarán en Piñeiros 22, a xornada que se celebra o vindeiro día 25 na Cidade da Cultura (Santiago) e que nesta segunda edición busca afianzarse como cita clave das coníferas para o sector forestal galego.

-Como valoras a situación actual do piñeiro en Galicia?

-Como viveiristas estamos notando un incremento das solicitudes de coníferas con planta forestal mellorada por parte dos propietarios forestais. Estase recuperando a intención de facer novas reforestacións con piñeiro e de facelo con planta con mellora xenética, o que nos está deixando un punto de partida bo para a produción de piñeiro nos viveiros.

-Está a recuperar espazo no monte o piñeiro?

-Nos últimos anos vemos un aumento do interese no piñeiro tanto por parte de propietarios forestais como por parte de comunidades de montes, que buscan facer as reforestacións dos montes veciñais con coníferas.

“A resistencia ós fungos e a madeira máis recta e sen nós son dous dos factores polos que os propietarios se deciden a apostar pola planta mellorada xeneticamente”

 

-Fixéronse avances significativos en mellora xenética do piñeiro, cales consideras que foron os máis importantes ou os que máis vos repercutiron no día a día?

-Cada vez solicítase máis planta mellorada xeneticamente, sobre todo en Pinus pinaster, é dicir en piñeiro do país, onde se está vendo que cada vez nos piden máis esta planta. Un dos avances máis significativos e que fan que teñan maior demanda é a resistencia a fungos. Ademais, tamén nos adoitan pedir esta planta mellorada por ser exemplares que terán menos nós e serán máis rectos, o que previsiblemente permitirá un maior aproveitamento da árbore.

-Que especie de piñeiro está a ter maior demanda no mercado galego?

-Nesta última campaña o que máis demanda tivo foi o pinus pinaster, seguido do piñeiro radiata, aínda que en menor medida. O piñeiro silvestre véndese sobre todo naqueles viveiros máis situados na zona de montaña, xa que é unha especie que se adoita plantar nesas zonas por adaptarse mellor.

-No encontro Piñeiros 22, entre outras cuestións, tratarase a cooperación Galicia -Portugal á hora de abordar a mellora xenética e a resiliencia dos montes de coníferas, como valoras esta colaboración?

-Creo que é positivo este tipo de colaboración, sempre e cando se traballe de forma conxunta toda a cadea de forestal. Este tamén é o obxectivo da Fundación Arume, que busca ter en conta todo o traballo do sector, dende os viveiros, reforestadores, madeiristas ata as empresas de transformación.

-Piñeiros 22 busca ser un punto de encontro para o sector forestal arredor da madeira de coníferas, algunha cuestión que queirades abordar os viveiristas e que vos estea a preocupar?

-Neste último ano, os viveiros estamos atopando dificultades para producir a semente de planta mellorada xeneticamente e pedímoslle á Administración que confíe máis nos viveiros e que sexa capaz de subministrar a semente necesaria para poder atender a demanda que hai no mercado. Por parte dos viveiros estamos a optimizar a sementeira ó máximo, pero é un tema no que cremos que se debe seguir mellorando.

-Que perspectivas de futuro ves para o piñeiro galego?

-Estase traballando na boa dirección, sobre todo se cooperamos toda a cadea forestal. É moi importante tamén seguir traballando na divulgación do traballo que se está a facer e das oportunidades que supón o piñeiro para os propietarios forestais. Outra cuestión na que hai que avanzar é a do coidado da plantación, cunha silvicultura axeitada, para lograr madeira de calidade.

Programa Piñeiros22 GL.pdf
Mover arriba

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.