control banda
Incendio en Cabeza de Manzaneda - Foto UME
Incendio en Cabeza de Manzaneda - Foto UME

A cadea forestal, no seo da Fundación Arume, compromete o mantemento de prezos da madeira queimada

 A Fundación Arume avoga por desvincular o persoal adicado á extinción 
de incendios da estrutura administrativa de xestión forestal

Arume defende ademais que haxa un organismo público que asuma todas as competencias do ámbito forestal, de cara a potenciar unha xestión integral do monte, desde a silvicultura e a industria forestal ata a conservación ambiental

Unha das entidades patroas de Arume, ABANCA, destina 1 millón de euros 
en doazóns para os afectados. Abrirá tamén liñas de financiamento 
a interese 0 para anticipar as axudas públicas

A grave vaga de lumes que afectou este mes de agosto a Galicia, nomeadamente á provincia de Ourense, obriga a adoptar todas as medidas que sexan posibles no curto prazo para unha axeitada restauración ambiental dos montes afectados. Un dos primeiros pasos é a retirada da madeira queimada, para a cal os serradoiros, industrias e rematantes que forman parte da Fundación Arume comprometen o mantemento de prezos.

Se ben a maior parte da superficie calcinada polos incendios foi rasa, en parte dos lumes houbo importantes superficies arboradas afectadas. Dada a gravidade da situación, a cadea da madeira chegou ó consenso da necesidade de manter os prezos da madeira comercial que se retire das zonas afectadas polos lumes, en apoio ás comunidades de montes veciñais e propietarios afectados. 

Para evitar o deterioro da madeira en monte e facilitar a posterior restauración ambiental das zonas queimadas, cómpre axilizar no posible nos próximos meses a retirada de toda a madeira afectada.

Esa retirada da madeira queimada resulta ademais prioritaria para evitar a extensión de pragas e enfermidades no monte. As cortas cumprirán unha función fitosanitaria, especialmente importante no sur de Ourense, na zona tampón do nematodo do piñeiro (franxa fronteiriza con Portugal), e na zona oeste da provincia, na zona demarcada polo nematodo do piñeiro en Galicia, pois o insecto vector da praga atopa un hábitat óptimo nas árbores queimadas.

A corta e saca da madeira, que se deberá facer sempre seguindo as recomendacións técnicas pertinentes e con autorización previa da Administración, converterase así no primeiro chanzo do proceso de restauración ambiental do monte.

No marco dos traballos de retirada da madeira do monte, sempre que a pendente e a accesibilidade o permitan, os restos da corta permanecerán no terreo, distribuídos de forma homoxénea e evitando a súa acumulación en montóns, co obxectivo de contribuír á protección fronte á erosión, ata a súa posterior trituración, previa á reforestación. 

Apoio para as persoas afectadas por parte de ABANCA

Outra medida relevante de apoio ás persoas e comunidades de montes veciñais afectadas polos lumes é a adoptada por ABANCA, unha das entidades patroas da Fundación Arume

ABANCA puxo en marcha dende o inicio dos incendios importantes medidas de axuda, como a doazón dun millón de euros para afectados e a apertura de liñas de financiamento por importe de 150 millóns de euros, complementarias ás axudas públicas das distintas Administracións. 

O anticipo de axudas públicas son ao 0% e a prazo de 1 ano, o que supón un apoio fundamental nestes momentos para facilitar a execución dos investimentos subvencionados. 

Arume terá un papel relevante no asesoramento para o reparto da doazón de 1 millón de euros feito por ABANCA.

Estratexia de futuro

Máis alá das medidas paliativas a curto prazo, a tendencia a vagas de lumes máis agresivas que se experimenta nos últimos anos en Galicia e noutros puntos da Península obriga a redefinir a estratexia de futuro. A Fundación Arume avoga por adoptar dúas medidas principais.

Primeira, desvincular a estrutura administrativa, e polo tanto o persoal dedicado á extinción de incendios, dos que se deben ocupar da xestión forestal do monte, dotando a estes últimos de persoal e orzamento suficientes para que se poda realizar unha xestión integral da superficie forestal para a súa posta en valor e conservación.

É preciso ademais analizar en profundidade o cometido e os obxectivos actuais do sistema de extinción de incendios, na medida en que os incendios forestais evoluíron a un carácter de incendios rurais, nos que a protección de núcleos de poboación e persoas se converte na principal necesidade.

Segundo, consignar nun mesmo organismo público tódalas competencias forestais, de xeito que sexa posible abordar unha xestión integral do monte.

Cómpre lembrar que a superficie forestal supón dous terzos do territorio de Galicia, onde o sector xera mais de 23.000 empregos directos, 3.000 millóns de facturación e representa o 2% do PIB de Galicia. Desta cifra, ⅔ corresponde á cadea das coníferas, producidas e transformadas en Galicia.

Son todos estes motivos que avalan a necesidade de unificar nun organismo público tódalas competencias e políticas públicas que o monte precisa, desde a silvicultura e a industria forestal ata os espazos naturais protexidos, silvopastoreo, caza e pesca, ou usos sociais do monte, entre outras.

Análise da vaga de lumes

Por último, dada a gravidade da actual vaga de lumes, nos próximos meses será necesario un estudo independente que permita unha análise sosegada do sucedido, tanto nas causas dos incendios como no funcionamento dun servizo de extinción que chegou a situacións de colapso. 

Este exercicio de avaliación, unha vez pechada a campaña, debe servir para aprender das debilidades detectadas, reforzar os medios dispoñibles e garantir unha resposta máis eficaz no futuro. 

A transparencia e a participación de todos os actores implicados serán claves para mellorar o sistema e dar seguridade á cidadanía e á propiedade forestal.

Mover arriba

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.