“A madeira é un material moi versátil para a construción, todo son vantaxes”
As oportunidades que ofrece a madeira en construción é un dos temas centrais de Piñeiros 22. Coñecemos co arquitecto Juanjo Otero, que adoita utilizar madeira nos seus proxectos, as perspectivas de futuro da madeira galega neste ámbito

Cofundador do estudo Mola Arquitectura, Juanjo Otero é un dos arquitectos galegos que está a apostar polo uso da madeira en construción polas vantaxes que este material ofrece. Coñecemos as razóns polas que emprega a madeira en construción, sobre todo en obras de rehabilitación. As perspectivas de futuro da madeira de piñeiro galego para estes usos é outro dos temas que falamos con el.
As oportunidades da madeira para a construción é un dos temas centrais do encontro Piñeiros 22, que se celebra o vindeiro martes 25 na Cidade da Cultura e que está organizado pola Fundación Arume. A cita busca ser un encontro entre profesionais do sector forestal e achegar os usos da madeira a arquitectos, deseñadores e prescriptores.
-En Mola Arquitectura levades tempo apostando polo uso da madeira nos vosos deseños, que motiva que escollades este material fronte a outras alternativas?
-Escollemos empregar madeira por 3 aspectos: por utilizar un sistema de bioconstrución e economía circular, polo seu comportamento ante o lume e a súa pegada de carbono negativa, e por último polas cualidades intrínsecas do material, en canto a texturas e posibilidades, tanto estruturais como de acabado. A madeira é un material moi versátil para a construción, onde todo son vantaxes.
Ademais, nós cremos que a arquitectura ten que estar moi vencellada coa contorna e o poder empregar madeiras locais axúdanos a ese vencellamento, así como a contribuír a darlle valor e oportunidades a toda a cadea de valor.
-Segue habendo reticencias ó emprego da madeira nas construcións polo mantemento que precisa?
-Hai aínda 3 prexuízos á hora de empregar madeira: o seu comportamento ante a auga, fronte ó lume e o paso do tempo. No caso do lume a madeira ten unha resposta mellor en comparación con outras solucións, como poden ser as estruturas metálicas. Abonda con xogar coas seccións, xa que durante un lume a madeira, ó carbonizarse as capas exteriores que se van queimando, protexen o interior. Nós cando temos que propoñer solucións ante riscos de lumes adoitamos optar por forxados con CLT (Cross Laminated Timber), con madeira contralaminada, xa que en caso de incendio a madeira en forxados, trabes ou piares permite gañar tempo para a evacuación dos ocupantes.
A madeira é unha das solucións construtivas que mellor se comporta fronte ó lume, pois permite gañar tempo para a evacuación en comparación con outros materiais
A madeira tamén é unha opción para empregar á intemperie e con humidade e cambios de temperatura. Hoxe hai solucións tecnolóxicas e construtivas que permiten unha durabilidade excepcional. No caso do piñeiro, ademais do tratamento para a clase de uso 3.1 en autoclave, temos a madeira termotratada. O piñeiro de Galicia termotratado compórtase dun xeito fabuloso tanto en fachadas como en exteriores. É un camiño para poder empregar madeira local, de proximidade, con madeira certificada, procedente de montes sostibles.
- Cómpre comunicar mellor cara ós consumidores finais as vantaxes da madeira...
- Efectivamente. Coas solucións tecnolóxicas que temos hoxe en día, a madeira o único que precisa é unha correcta execución dos proxectos. En Mola Arquitectura apostamos por solucións construtivas que poidan ter pervivencia no tempo e que axuden a eliminar prexuízos.
Un exemplo pode ser unha fachada en madeira. Se está ventilada, cunha correcta colocación, con boas anclaxes e con madeira termotratada, ten un bo resultado. Ás veces mesmo empregamos madeira termotratada pero sen máis tratamento, para permitir que a madeira evolucione, de maneira que sexa un material cunha pel viva que muda co paso do tempo, pero sen verse comprometida a súa durabilidade nin a capacidade resistente da madeira.
Nós na maioría das nosas obras empregamos carpintería de madeira e os resultados son fantásticos. Unha das vantaxes é que como a madeira é un moi bo illante térmico, evítanse con ela as pontes térmicas que terías con outros materiais.

-En Piñeiros 22 un dos eixos centrais que se abordará precisamente é o uso da madeira na construción. A nivel galego está recuperándose a construción con madeira?
-En Galicia temos capacidade produtiva de CLT, que é revolucionario. Tamén temos outras solucións en madeira innovadoras, pero unha das materias pendentes que aínda nos queda é chegar a poder fabricar madeira laminada con piñeiro de Galicia.
Dende a Administración pública tamén se está apostando forte polo uso da madeira. A Consellería de Sanidade potenciou esa aposta, con centros sanitarios onde optaron pola madeira. Este tipo de iniciativas conseguen un efecto tractor, achegando o uso da madeira á cidadanía de xeito directo. Se ves o emprego da madeira no teu centro médico, se cadra á hora de reformar ou construír a túa vivenda tamén queres optar por ela.
“Estanse dando pasos moi importantes para nuns anos ter capacidade para substituír por madeiras locais toda a importación, tanto do norte de Europa como de madeiras tropicais”
- Temos suficiente madeira galega para a construción ou aínda hai que recurrir á importada en boa medida?
-Queda aínda moito por facer, pero estamos no camiño e contamos con solucións innovadoras, como o CLT feito con piñeiros galegos, que funciona de xeito fabuloso. Nós acabamos de facer un edificio de grandes luces, unha adega, onde a solución construtiva foi o CLT con piñeiro de Galicia. Esta solución hai 4 anos tería sido inviable. Neste camiño estanse dando pasos moi importantes para nuns anos ter capacidade para substituír por madeiras locais toda a importación, tanto do norte de Europa como de madeiras tropicais, que se fai a día de hoxe.
-Que perspectivas de futuro lle vedes ó uso da madeira na construción?
-Hai unhas sinerxías positivas, pero temos que coidar tódolos aspectos, é dicir, traballar en tódolos elos, desde os traballos de mellora xenética das coníferas, para conseguir planta de calidade, ata as aplicacións finais da madeira. As innovacións tanto no sector primario como na segunda transformación dótannos ós arquitectos de ferramentas e sistemas construtivos para ser capaces de desenvolver calquera tipo de proxecto en madeira. As perspectivas son moi boas.