A Fundación Arume solicítalle ós tres grupos do Parlamento galego un impulso ó Centro de Investigación Forestal de Lourizán para encarar os retos que afronta o monte galego
En tres reunións mantidas na mañá do luns, a renovada dirección da Fundación Arume trasladoulle ás formacións políticas da Cámara galega as prioridades de traballo en materia de coníferas, en especial a abordaxe da enfermidade das bandas, a mellora xenética e a progresiva introdución do piñeiro taeda.
A Fundación Arume, que agrupa a toda a cadea monte – industria do piñeiro en Galicia, vén de manter na mañá do luns senllas reunións cos tres grupos políticos do Parlamento galego. Nos encontros, a Fundación presentoulle a PPdeG, BNG e PSdeG a renovación do seu Padroado, así como as súas liñas de traballo de cara ós próximos anos.
Unha das prioridades que identifica a Fundación Arume pasa polo impulso do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, polo que lle solicitou ós tres grupos parlamentarios unha maior aposta por dotar de recursos económicos e humanos a este centro público de investigación, que foi un referente no seu día. A Fundación Arume considera a aposta por Lourizán como imprescindible para encarar os retos que afronta o monte galego, marcados polo cambio climático e por enfermidades e pragas emerxentes.
Por exemplo, a enfermidade das bandas do piñeiro xa presenta un novo desafío na mellora xenética do piñeiro radiata que se fai preciso resolver canto antes, á vez que se continúa co programa de mellora do piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) e se avanza nos ensaios con piñeiro taeda, unha conífera de especial interese para Galicia pola súa resistencia ós fungos das bandas e á praga do nematodo do piñeiro.
Nas reunións cos grupos parlamentarios, participaron pola Fundación Arume o seu presidente, Xosé Mera; o vicepresidente de Industria, Juan Busto; o vicepresidente de Recurso Forestal, Jacobo Feijoo; e o seu secretario, Ismael Olveira, que aproveitaron os encontros para presentarlle ós grupos parlamentarios a recente renovación do Padroado da Fundación Arume e os seus obxectivos de traballo.
Ampliación da moratoria do eucalipto
A Fundación Arume trasladoulle tamén ós tres grupos parlamentarios a súa proposta para manter a moratoria do eucalipto por cinco anos máis, ata o 2030, co obxectivo de evitar que a expansión desta especie desborde as previsións de superficie fixadas no Plan Forestal de Galicia.
Cómpre lembrar que o Plan Forestal de Galicia, aprobado no 2021, estableceu o obxectivo de reducir un 5% a superficie de eucalipto na comunidade para o ano 2040. Na actualidade, a superficie de eucalipto sitúase en 419.000 hectáreas, segundo os últimos datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia, correspondentes ó 2023, ano no que se observou un aumento da superficie da especie dun 1,4%, en comparación co 2022.
É por tanto preciso establecer unha prórroga da moratoria de eucalipto para evitar que a superficie da especie continúe a expandirse dun xeito incontrolado. Esta é unha postura que respalda un amplo abano do sector forestal e colectivos do ámbito ecoloxista e da sociedade civil, cos que a Fundación Arume asinou recentemente unha declaración conxunta para pedir a ampliación da moratoria do eucalipto.