A Fundación Arume emprende unha nova etapa, incorporando novas industrias da madeira e á Universidade de Vigo
O Padroado da Fundación pasa dos 11 membros actuais a 16 membros. Inclúe a 7 serradoiros, 2 industrias do taboleiro, 2 asociacións de propietarios forestais, 2 asociacións de empresas de servizos forestais, unha asociación de viveiristas, a Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (Uvigo) e Abanca
O Padroado da Fundación Arume acordou hoxe un cambio de rumbo co obxectivo de posicionar a Arume como a entidade de referencia en Galicia na integración da cadea monte – industria, desde a propiedade forestal ata a transformación da madeira. Este nova etapa de Arume iníciase cun cambio de filosofía no Padroado, pois a industria pasa a estar representada directamente a través de 7 serradoiros e 2 industrias do taboleiro, en lugar de estar de xeito indirecto a través de asociacións da cadea.
O novo Padroado, que pasa de 11 membros a 16 membros, suma a maiores outras dúas incorporacións, pois entra tamén á Universidade de Vigo (Escola de Enxeñería Forestal) e unha segunda asociación de empresas de servizos forestais (Asemfo).
Do anterior Padroado, mantéñense as dúas asociacións de propietarios forestais que xa tiñan representación (Asociación Forestal de Galicia e Asefoga), a asociación de empresas de servizos forestais Serfoga e ABANCA.
Con estes cambios, a Fundación Arume consolida un camiño estratéxico, o de establecer unha alianza de todo o recurso forestal, desde o monte ata a industria de transformación.
Pola cadea industrial, pasan a estar directamente representados no Padroado dúas firmas de taboleiros (Finsa e Tableros Hispanos) e os seguintes serradoiros: Maderas Cajaraville (Teo), Serrerías Rodríguez (Valga), Maderas Hermanos García Rocha (Oza - Cesuras), Hijos de Ramón Rubal (Alfoz), Maderas Goiriz (Vilalba), Besteiro Forestal (Castroverde) e Maderas Hermanos Castro (Ponteareas).
No Padroado de hoxe, abordouse tamén o relevo do órgano de dirección da Fundación, xa que os ata agora presidente e vicepresidente, José Carballo e Francisco Dans, deixaron hoxe as súas funcións con motivo da súa xubilación. Os novos cargos de presidencia e vicepresidencia pasan a ostentalos Xosé Mera (presidente), Jacobo Feijoo (vicepresidente de recurso forestal) e Juan Busto, (vicepresidente de industria).
Na reunión do Padroado tamén se acordou o nomeamento de José Carballo como presidente de honra da Fundación Arume, en base ó papel que xogou na orixe da Fundación Arume e no seu posicionamento estratéxico, en tanto que entidade na que se estableceu unha alianza da cadea industrial coa propiedade forestal.
Tamén se quere que este nomeamento sirva de recoñecemento ó papel de José Carballo como referente no sector forestal e industrial da madeira nos últimos 40 anos en Galicia.
O acto de hoxe do Padroado contou, na súa parte pública, coa presenza de institucións e empresas de toda a cadea monte – madeira. Por parte institucional, a nivel da Xunta asistiu o director xeral de Ordenación e Planificación Forestal, José Luis Chan, o director de XERA, Alfredo Fernández, unha representación dos tres grupos do Parlamento Galego, o Concello de Santiago, o Centro Pinus de Portugal, universidades e organizacións sindicais.
Liñas de traballo
De cara ó futuro, a Fundación Arume continuará afondando nas liñas de traballo xa iniciadas nos últimos anos.
No eixo forestal, a prioridade continúa a ser a posta a disposición de propietarios e comunidades de montes veciñais de planta con mellora xenética, tanto de ‘Pinus pinaster’ resistente ó nematodo como, no futuro, de piñeiro radiata resistente ós fungos das bandas e de piñeiro taeda. A Fundación enfoca asimesmo o seu traballo tendo en conta retos como o da resiliencia do monte ante o cambio climático, o fomento da biodiversidade e a ordenación do territorio.
No apartado de mercado, a Fundación Arume potenciará a marca de garantía ‘Pino de Galicia’, que xa suma 34 empresas adheridas na actualidade.
Outra liña xa consolidada no traballo de Arume, o evento Piñeiros, continuará ofrecendo cada outono un escaparate da innovación da cadea monte – industria das coníferas, tanto en Galicia como noutras rexións que son referencia no sector.
Por último, a nivel institucional, a Fundación aspira a consolidarse como un actor relevante de interlocución tanto para as Administracións como para o resto de axentes da cadea.