control banda
A Fundación Arume programa para o 20 de outubro ‘Piñeiros 26’, a sexta edición do encontro internacional sobre a cadea de valor das coníferas, con Finlandia como protagonista

A Fundación Arume programa para o 20 de outubro ‘Piñeiros 26’, a sexta edición do encontro internacional sobre a cadea de valor das coníferas, con Finlandia como protagonista

• O evento adicaralle este ano protagonismo á cadea forestal – madeira de Finlandia. O país escandinavo destaca polos seus bosques boreais, conformados en arredor dun 90% por coníferas, e pola súa tradición de construción en madeira

• O  foro contará con tres bloques temáticos principais, nos que se abordará a potencialidade da madeira na promoción de vivendas, os retos da xestión conxunta do monte e a vinculación do piñeiro coa identidade cultural galega

A Cidade da Cultura de Santiago acollerá o martes 20 de outubro ‘Piñeiros 26: VI Foro Intersectorial do Ecosistema Forestal de Galicia’. O evento, organizado pola Fundación Arume, convertiuse xa nunha cita clave a nivel internacional para toda a cadea forestal – madeira, pois aborda cada ano innovacións e tendencias, tanto a nivel forestal como da cadea industrial dos piñeiros.

Este ano, Piñeiros 26 contará con Finlandia como país convidado, con ponentes que explicarán as claves forestais e industriais da cadea de coníferas do país escandinavo. Finlandia destaca pola súa riqueza forestal, con bosques boreais nos que as coníferas son as protagonistas, principalmente o piñeiro silvestre e os abetos, que ocupan arredor do 90% das masas boscosas, en tanto as frondosas caducifolias, sobre todo os bidueiros, ocupan o 10% restante.

Esa riqueza forestal correspóndese cunha importante tradición de construción con estruturas de madeira, así como cunha potente industria de aserrado ligada á carpintería e interiorismo.

Sesión inaugural con Antón García Abril

O foro contará cunha sesión inaugural na que está prevista a intervención de Antón García Abril, un arquitecto multipremiado que se caracteriza pola innovación tecnolóxica e de tipoloxías, contando con numerosas obras de referencia internacional. García Abril é ademais profesor titular na Escola de Arquitectura e Planificación do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT), combinando a práctica da profesión coa academia.

A esta sesión inaugural seguiranlle tres bloques temáticos principais, que abordarán o papel da construción en madeira na promoción de vivendas, o asociacionismo no monte e a vinculación do piñeiro coa identidade cultural.

Os tres bloques contarán con ponentes finlandeses e españois, na idea de posibilitar un intercambio de experiencias e de fomentar un enriquecemento das perspectivas sobre o sector.

Coa participación de Finlandia, consolídase o posicionamento internacional do encontro, pois cada ano Piñeiros serve de escaparate non só das innovacións e tendencias en Galicia, senón do camiño que se está seguindo noutros territorios nos que a cadea forestal – madeira de coníferas é punteira e recoñecida a nivel internacional.

En edicións anteriores, xa se contara coa presenza como países convidados de Chile e Uruguai (2025), Francia (2024), así como de Euskadi (2023) e Portugal (2022).


Sobre a Fundación Arume

A Fundación Arume, entidade declarada de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia, está integrada polo conxunto da cadea forestal – madeira da comunidade. O seu obxectivo é fomentar o desenvolvemento do piñeiro en Galicia, para o que traballa en catro liñas estratéxicas: silvicultura e restauración ambiental, mellora xenética, formación e marca (Pino de Galicia).
 

Mover arriba

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.