A multiplicación vexetativa dos piñeiros con mellora xenética acurtará os prazos da súa transferencia ós propietarios

A xornada organizada pola Fundación Arume en Galiforest constata as boas perspectivas que abre o traballo conxunto da cadea forestal e da Administración

Instante da xornada sobre planta mellorada celebrada este xoves en Galiforest.
Instante da xornada sobre planta mellorada celebrada este xoves en Galiforest.

A xornada de planta forestal mellorada que vén de celebrar esta mañá a Fundación Arume na feira Galiforest constatou as boas perspectivas que se abren en Galicia na mellora xenética das coníferas. Co traballo conxunto da cadea forestal e da Administración, deseñouse unha folla de ruta que inclúe dúas innovacións decisivas: a embrioxénese somática, que permite a multiplicación de sementes, e a reprodución vexetativa por estaquillas a partir de campos nai de plantas.

Ata o de agora, os viveiros galegos producían as plantas de piñeiro que se lle vendían ós propietarios a partir de semente, pero o plan trazado pasa por acelerar ese proceso mediante a innovación tecnolóxica.

Coa embrioxénese somática, poderanse seleccionar as mellores sementes para proceder á súa multiplicación; en tanto a creación de campos nai de plantas melloradas permitirá extraer delas estaquillas con capacidade de enraizar.

Este método de traballo de reprodución vexetativa permitirá aumentar a produción de planta mellorada, acurtar os tempos da mellora xenética e acelerar a transferencia de planta con mellora ós propietarios.

Na actualidade, os viveiros galegos xa están a comercializar planta con mellora xenética, os chamados materiais cualificados e controlados, procedentes dos hortos sementeiros de material superior catalogados pola Xunta. Trátase de plantas que presentan maiores ganancias de crecemento que as convencionais, así como maior resistencia á praga do nematodo, que afecta ó sur de Galicia.

O problema é que a actual oferta de planta con mellora xenética é insuficiente para abastecer ó mercado. A súa oferta e comercialización foi en aumento nos últimos anos, pero de cara a dar un salto cualitativo na oferta de planta, o sector introducirá técnicas de reprodución vexetativa dos piñeiros, tanto no piñeiro do país (Pinus pinaster) como no piñeiro radiata (Pinus radiata).

Para a mellora xenética do piñeiro radiata, os viveiros galegos contarán ademais coa asistencia técnica permanente dos dous investigadores chilenos, Fernando Droppelman e Miguel Ángel Peredo, que estiveron de estadía no último mes en Galicia convidados pola Fundación Arume. Esa colaboración é unha garantía para o sector en Galicia, pois Chile ten unha experiencia de máis de 40 anos na mellora xenética do piñeiro radiata, da que é un referente mundial.

Participantes na mesa redonda celebrada en Galiforest.
Participantes na mesa redonda celebrada en Galiforest.

Na mesa redonda sobre planta mellorada, hoxe en Galiforest, interviron as seguintes persoas:

- Isabel Álvarez (Braña SCL)

- Enrique Fandiño (xerente de Hifas Foresta)

- Margarita Fraga (directora técnica de Cultigar, Fundación Paideia)

- Francisco Lario (responsable de proxectos MFR Tragsa).

- José Martel (xefe do servizo de Saúde e Vitalidade do Monte. Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal).

- Moderou Enrique Martínez Chamorro (director Centro de Investigación Forestal de Lourizán).

Mover arriba

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.